Ursula K. Le Guin

Ursula K. Le Guin

Ursula K. Le Guin (Berkeley, California, 1929 – Portland, Oregón, 2018) é unha das autoras de referencia no ámbito da novela fantástica e de ciencia ficción do noso tempo. Graduada en Literatura Francesa e Italiana do Renacemento, Le Guin trasladou o seu interese pola sociedade, a súa orixe e evolución, á meirande parte das súas obras literarias, así como o seu ideario feminista e ecoloxista. A súa produción inclúe vinte e tres novelas, doce libros de contos, once libros de poesía, trece libros para a cativada, cinco coleccións de ensaio e catro obras de tradución. Ao longo da súa traxectoria recibiu múltiples galardóns, entre os que destacan varios premios Hugo, Nebula e Locus, xunto co World Fantasy Award e a medalla da National Book Foundation. A súa grande achega á literatura fantástica son as novelas e contos de Terramar. A primeira novela delas, Un feiticeiro de Terramar, foi aclamada pola crítica e vendeu millóns de exemplares en todo o mundo.