Philip K. Dick

(Chicago, Illinois 1928 – Santa Ana, California, 1982) é un dos autores máis recoñecidos de ciencia ficción. Escribiu 121 relatos curtos e 36 novelas. A temática das súas obras combina a política coa metafísica, de xeito que explora o autoritarismo, o monopolio e os estados alterados de conciencia, para posteriormente derivar cara á teoloxía. A súa produción, recollida maioritariamente en revistas pulp, tamén é o espello das súas vivencias coa paranoia, a esquizofrenia e as drogas. Entre as súas novelas de maior repercusión cómpre destacar O home no castelo alto (1962) gañadora do Premio Hugo (1963) e considerada obra mestra do xénero da ucronía, Soñan os androides con ovellas eléctricas? (1968) na que se basea o filme Blade Runner (1982) e Ubik (1969).

  • Ubik

    Joe Chip viaxa cun grupo de antipsíquicos a Luna co fin de solucionar os problemas que sofre a empresa do seu xefe, Glen Runciter, pero caen nunha trampa mortal trazada por telépatas infiltrados. Ao seu retorno á Terra, no funeral de Runciter, o grupo decátase de que a realidade vai cara a atrás e atopa mensaxes do defunto en lugares insospeitados. Cando os seus compañeiros e compañeiras comezan a morrer, Joe Chip dá en se cuestionar o que hai detrás: será a obra dunha nova axente con estraños poderes?, ou tratarase dun inexplicábel engano?, talvez sexan eles os mortos? A única resposta ten que ver cun estraño produto coñecido como Ubik.

    18,00