-
As Tumbas de Atuan
Tenar é elixida Suma Sacerdotisa dos antigos e innomeábeis poderes de Terramar, razón pola cal debe renunciar á súa familia, ao fogar e mesmo ao seu verdadeiro nome. Coñecida agora como Arha, a Devorada, debe gardar as sombrías e labirínticas Tumbas de Atuan.
Entón, o feiticeiro Ged internarase nelas para roubar o seu maior tesouro, a metade perdida do anel de Erreth-Akbe. O deber de Arha é protexer o anel. Pero Ged posúe a luz da maxia e as historias dun mundo que a moza nunca coñeceu. -
Gastrulación
O desenvolvemento da embrioloxía durante o século XIX encobre tamén unha verdade a contrafío, unha verdade sagrada.
No ano 2043 un fármaco defectuoso provoca un coma profundo aos seus consumidores. Os poucos superviventes que conseguen acordar xa non deixarán nunca de salmodiar un longo canto profético que contén a verdadeira historia da vida sobre a Terra: que é un campo de batalla entre dúas grandes deidades por se devoraren entre elas. Sobre as cinsas das vellas cosmovisións humanas surxen entón unha Igrexa, unha Teoloxía e unha Guerra.
A cabalo entre a bioloxía e a cosmogonía, entre a filosofía da vida e a ciencia ficción, entre o ensaio e a nouvelle experimental, entre Bergson e Lovecraft, Gastrulación propón remontarse aos inicios da bioloxía no século XIX para comprender que a diferenciación entre reinos animais e liñaxes xenéticas conduce ao nacemento dunha deidade que xa non nos necesita.
-
Ubik
Joe Chip viaxa cun grupo de antipsíquicos a Luna co fin de solucionar os problemas que sofre a empresa do seu xefe, Glen Runciter, pero caen nunha trampa mortal trazada por telépatas infiltrados. Ao seu retorno á Terra, no funeral de Runciter, o grupo decátase de que a realidade vai cara a atrás e atopa mensaxes do defunto en lugares insospeitados. Cando os seus compañeiros e compañeiras comezan a morrer, Joe Chip dá en se cuestionar o que hai detrás: será a obra dunha nova axente con estraños poderes?, ou tratarase dun inexplicábel engano?, talvez sexan eles os mortos? A única resposta ten que ver cun estraño produto coñecido como Ubik.
-
Un feiticeiro de Terramar
O mundo de Terramar réxese por un principio fundamental: o equilibrio entre a vida e a morte. A maxia é un elemento indispensábel, como descubrirá Ged ao ingresar na escola de feiticeiros para aprender as súas regras. Testán e inxenuo, o mozo libera unha terríbel criatura da sombra. Para recuperar o equilibrio, deberase enfrontar a ela e destruíla. A súa misión conducirao ao recuncho máis afastado de Terramar, unha bisbarra de temíbeis dragóns, magos envexosos, escuridade e luz, onde atopará o seu destino.