Ola, somos Boadicea!

Que facemos?

Boadicea Editora xorde en 2022 para consolidar unha produción sistemática e especializada de obras en galego nos eidos da fantasía, a ciencia ficción e o medo. A nosa liña editorial entronca coas tradicións europea, asiática e anglosaxona destes xéneros. 

Achegamos tanto creación propia, dando voz a autoras e autores de Galiza, como a tradución de autoras e autores clásicos e actuais, coidando en todo momento a calidade das publicacións.

As nosas obras van destinadas a todo o público lector: infantil (de 3 a 11 anos), xuvenil (a partir de 12 anos) e adulto (a partir de 16 anos). Ademais, contamos con tres coleccións especializadas para as diferentes etapas de aprendizaxe: 

Cartafol de fantasía, de ciencia ficción e de medo (álbums ilustrados para a cativada de 3 a 6 anos). 

A carrilana dos soños (novelas ilustradas para a cativada de 6 a 7 anos, de 8 a 10 anos e de 11 a 12 anos). 

A miña primeira novela de… (novelas ilustradas e especializadas en diferentes temáticas de fantasía, ciencia ficción, terror ou aventuras para introducir o público adolescente, de 12 a 15 anos, nos diferentes xéneros). 

As persoas fundadoras somos filólogas, doutoras e investigadoras en lingua e literatura, docentes do ensino secundario e universitario. Temos un longo percorrido na edición e corrección de textos, nomeadamente no ámbito da fantasía, da ciencia ficción e do terror.

O noso decálogo de bo facer editorial:

1. Buscarase a especialización das publicacións, de maneira que entronquen coas principais producións de literatura fantástica, de ciencia ficción ou de medo clásicas e, sobre todo, actuais

2. Procederase á revisión do contido da obra, con rigor literario, lingüístico e científico, en colaboración coas autoras e autores

3. Coidarase o uso correcto da lingua, sen descoidar o estilo e o selo persoal da autoría

4. O deseño e as ilustracións das obras correrán a cargo de especialistas, que terán en conta as preferencias das autoras e autores e o espírito das obras

5. As persoas responsábeis das traducións serán especialistas en lingua e literatura

6. Priorizaranse as traducións de autores e autoras máis actuais de fantasía, ciencia ficción e medo que non teñan obra vertida ao galego

7. Procurarase un escrupuloso acabado formal e material de cada obra, acorde ao seu contido

8. Traballarase só con empresas galegas

9. Visualizaranse outros proxectos que, desde as marxes e outros ámbitos como as redes sociais ou o audiovisual, fagan esforzos por divulgar a fantasía, a ciencia ficción e o terror en galego

10. Atenderanse suxestións e demandas das persoas subscritoras, lectoras e seguidoras