-
Gastrulación
O desenvolvemento da embrioloxía durante o século XIX encobre tamén unha verdade a contrafío, unha verdade sagrada.
No ano 2043 un fármaco defectuoso provoca un coma profundo aos seus consumidores. Os poucos superviventes que conseguen acordar xa non deixarán nunca de salmodiar un longo canto profético que contén a verdadeira historia da vida sobre a Terra: que é un campo de batalla entre dúas grandes deidades por se devoraren entre elas. Sobre as cinsas das vellas cosmovisións humanas surxen entón unha Igrexa, unha Teoloxía e unha Guerra.
A cabalo entre a bioloxía e a cosmogonía, entre a filosofía da vida e a ciencia ficción, entre o ensaio e a nouvelle experimental, entre Bergson e Lovecraft, Gastrulación propón remontarse aos inicios da bioloxía no século XIX para comprender que a diferenciación entre reinos animais e liñaxes xenéticas conduce ao nacemento dunha deidade que xa non nos necesita.
-
Lapislázuli. O regreso das superguerreiras
Nun mundo escindido entre a maxia e a tecnoloxía, feiticeiras e feiticeiros caciques gobernan co pretexto de salvagardar a xente do común dunha praga centenaria de robots asasinos. Non obstante, só as depositarias das pedras de poder, cinco feiticeiras convertidas en superguerreiras, demostraron ser capaces de erradicar semellante ameaza. Malia que desapareceron sete anos atrás do fragor da batalla, deixando escapar o inimigo, será certo que agora están de volta? Conservarán os seus poderes? Sufrirán as represalias do seu gremio? Arrasarán por fin cos robots? Cal será o prezo a pagar esta vez? O amor? A amizade? E o máis desconcertante de todo: que fai un robot disfrazado de vaqueiro?
Lapislázuli. O regreso das superguerreiras camiña entre os eidos do new weird de China Miéville, da fantasía épica de Robert E. Howard, Emily Rodda ou Andrezj Sapkowski e, sobre todo, do sentai de Akira Toriyama e do mahō shōjo de Naoko Takeuchi.
-
O androide Simón
O androide Simón ten a súa casa no planeta anano Plutón, pero quere viaxar a outros lugares para pasar uns días de vacacións. Por iso irá percorrendo os diferentes planetas do sistema solar e tamén as súas lúas e aneis na procura daquel que máis lle guste. Queres saber como son os planetas e onde decidiu quedar o androide? Mergúllate nesta aventura chea de sorpresas.
-
O biosbardo e os paxaros sen cor
Cando o biosbardo pasou a pita do monte, a pega, o picapeixe, o verderol… e até sete paxaros quedaron sen cor! Queres saber como son e o que argallou o biosbardo? Mergúllate nesta aventura chea de sorpresas.
-
O tesouro do caranguexo
O caranguexo da pinza de ouro é o dono dun gran tesouro feito de cunchas. Non obstante, fáltanlle sete para que estea completo. Por iso falará coa ameixa, a vieira, o berberecho, o longueirón, a ostra, a zamburiña e o mexillón. Queres saber como son as súas cunchas e se logrou completar o caranguexo o seu tesouro? Mergúllate nesta aventura chea de sorpresas.