-
A caída de Guiomar
Tras un século baixo a protección da raíña Guiomar, as terras de Eabaca vense ameazadas pola aparición dun monstruoso cabalo e a chegada da Orcavella, unha criatura cun poder tal que ninguén lle pode facer fronte. Só cando a pandeireteira Aima decide acompañar a guerreira Tegra na súa viaxe polas catro parroquias do reino, a esperanza volve agromar. Non obstante, a súa misión non será doada, pois mouros, nubeiras, xans, luciñas e xente cativa terán que unir forzas se queren conservar a liberdade.
-
As probas do mago
Fuco descobre que a súa avoa, Rosalía, é unha poderosa meiga do Courel cando aparece na súa vida o vello druída Roque Dúasaugas. O druída está convencido de que Fuco se pode converter no seu aprendiz e chegar a ser un gran mago. Iso si, para acadar o posto de aprendiz, Fuco deberá vencer nunha serie de probas á intelixente e insoportábel Aldara, ao tempo que un misterioso ser escuro lle tenta arruinar a competición. Intriga, natureza, diversión e lendas farán que Fuco coñeza a súa maxia interior.
-
Lapislázuli. O regreso das superguerreiras
Nun mundo escindido entre a maxia e a tecnoloxía, feiticeiras e feiticeiros caciques gobernan co pretexto de salvagardar a xente do común dunha praga centenaria de robots asasinos. Non obstante, só as depositarias das pedras de poder, cinco feiticeiras convertidas en superguerreiras, demostraron ser capaces de erradicar semellante ameaza. Malia que desapareceron sete anos atrás do fragor da batalla, deixando escapar o inimigo, será certo que agora están de volta? Conservarán os seus poderes? Sufrirán as represalias do seu gremio? Arrasarán por fin cos robots? Cal será o prezo a pagar esta vez? O amor? A amizade? E o máis desconcertante de todo: que fai un robot disfrazado de vaqueiro?
Lapislázuli. O regreso das superguerreiras camiña entre os eidos do new weird de China Miéville, da fantasía épica de Robert E. Howard, Emily Rodda ou Andrezj Sapkowski e, sobre todo, do sentai de Akira Toriyama e do mahō shōjo de Naoko Takeuchi.
-
O biosbardo e os paxaros sen cor
Cando o biosbardo pasou a pita do monte, a pega, o picapeixe, o verderol… e até sete paxaros quedaron sen cor! Queres saber como son e o que argallou o biosbardo? Mergúllate nesta aventura chea de sorpresas.
-
O tesouro do caranguexo
O caranguexo da pinza de ouro é o dono dun gran tesouro feito de cunchas. Non obstante, fáltanlle sete para que estea completo. Por iso falará coa ameixa, a vieira, o berberecho, o longueirón, a ostra, a zamburiña e o mexillón. Queres saber como son as súas cunchas e se logrou completar o caranguexo o seu tesouro? Mergúllate nesta aventura chea de sorpresas.