-
A caída de Guiomar
Tras un século baixo a protección da raíña Guiomar, as terras de Eabaca vense ameazadas pola aparición dun monstruoso cabalo e a chegada da Orcavella, unha criatura cun poder tal que ninguén lle pode facer fronte. Só cando a pandeireteira Aima decide acompañar a guerreira Tegra na súa viaxe polas catro parroquias do reino, a esperanza volve agromar. Non obstante, a súa misión non será doada, pois mouros, nubeiras, xans, luciñas e xente cativa terán que unir forzas se queren conservar a liberdade.
-
A tumba do último pirata
Cando a tía Aixa chega á casa dos seus sobriños, ningún deles pode sospeitar que exista un xeito de vivir unha historia de aventuras máis alá da videoconsola. Pero a tía ensínalles os xogos de rol, onde só precisan a súa imaxinación, que os levará ao século XVIII. Alí, en plena época dourada da pirataría, acompañarán a Tru’an, Kack’tar, Mario, Antonio e Botas nunha aventura digna do máis temíbel dos piratas.
-
As probas do mago
Fuco descobre que a súa avoa, Rosalía, é unha poderosa meiga do Courel cando aparece na súa vida o vello druída Roque Dúasaugas. O druída está convencido de que Fuco se pode converter no seu aprendiz e chegar a ser un gran mago. Iso si, para acadar o posto de aprendiz, Fuco deberá vencer nunha serie de probas á intelixente e insoportábel Aldara, ao tempo que un misterioso ser escuro lle tenta arruinar a competición. Intriga, natureza, diversión e lendas farán que Fuco coñeza a súa maxia interior.
-
Dormen baixo terra
Erea acábase de mudar a Leiro, unha vila no medio das montañas onde nada é o que parece. Na mina aberta no alto do monte non deixan de se suceder ataques sanguentos sen que as autoridades consigan atopar un culpábel. O perigo, soterrado na fraga, emerxe coa néboa e axexa os habitantes do lugar. Cando Erea descobre que os seus dous mellores amigos, Héitor e Anaír, están relacionados co responsábel das agresións, non dubidará en arriscar a súa vida para descubrir que segredos do pasado agocha a mina e tratar de protexer a xente, dun xeito ou doutro.
-
Noite no cemiterio
No alto do cemiterio de Vilatorcida érguese unha casa que só abre as súas portas ás pantasmas. O terrorífico Conde Silas, dono da mansión, coa axuda do seu fiel servente, domina todas as ánimas do lugar. Alí, os espectros descobren o cruel destino que lles agarda a aqueles dos que non queda rastro na memoria das persoas vivas.
Cando Lolo e o seu irmán Quin van vivir para a casa máis próxima ao camposanto e se atreven a explorar os seus segredos, o poder do Conde vese ameazado por primeira vez. Non obstante, para o vencer, Lolo deberá superar o propio medo e aceptar a verdade máis arrepiante da súa vida.
-
Pegadas de búfalo
O Salvaxe Oeste é un mundo tan perigoso como fascinante. Sarah Parsons descubrirao cando se mude coa súa familia ao territorio de Montana. A súa nova vida non será doada: Sarah coñecerá o medo, a inxustiza e as falcatruadas dos que burlan a lei. Pero tamén fará novos amigos, como o bravo Búfalo Choutón, que a axudará a superar todos os atrancos. A súa aventura estará inzada de pistoleiros, foraxidos, soldados de cabalaría, indious síux… e mesmo búfalos!
-
Visitantes da Estrela Vermella
Dril e Gat viven no Val, que é un lugar pequeno pero confortábel. Alí non hai guerras, tampouco propiedades. Todo o mundo colabora no sustento dos demais. O mellor de todo é que a través do cristais do Val vense as estrelas máis fermosas. Porén, algo terríbel acontece e, de súpeto, acaban nun lugar inmenso e estraño ao que chaman Terra. Alí, os destinos da xente son dominados por un goberno tiránico ao que moi poucas persoas se atreven a facer fronte. Malia que só son unha moza e un mozo adolescentes, a súa chegada pode cambiar o futuro de millóns.